Música do Pasado

Ola a todos. Levo xa un tempo sen escribir nesta bitácora, pero é que un mes de traballo de campo e outro de biblioteca preparando a miña tese deixáronme derreado. Estou de volta, sen embargo, o que levo traballado un tempo e que agardo que o atopedes tan fascinante como min.

Seikilos, Nationalmuseet
Columna de Seikilos, Nationalmuseet, Copenhagen, Denmark.

Normalmente non escribo sobre temas dos que non teño un coñecemento sólido, pero hoxe estou tentado a facer unha excepción. Tamén tendo a desfrutar investigando temas cunha “visibilidade baixa” no rexistro arqueolóxico coma é o caso dos mergulladores que publiquei fai xa un tempo. A música, a música antiga, e outro destes temas. Ninguén cuestiona a existencia de instrumentos musicais en tempos antigos, e temos tanto representacións coma restos materias dos mesmos no rexistro arqueolóxico. Pero como escavamos a música? Esta é unha idea que me ten fascinado por fai xa un tempo. Debo sinalar o primeiro que non teño ningún tipo de educación musical. Levo tocando o tin whistle por uns anos xa coma unha forma de combatela morriña, e inda que as melodías son cada vez menos danosas pros oíntes, isto non se pode compara cós anos de duro traballo e estudo dos profesionais. O único que pretendo eiquí é poñer algo de luz sobre un tema bastante descoñecido dende a perspectiva de alguén que traballa no pasado e gosta de escoitar música.

Dende logo, a resposta á pregunta que facía antes é bastante obvia… non podemos escavala música. Esa é a beleza, que ata a aparición dos dispositivos de gravación non fomos capaces de capturar, de preservala música mesma. Cada nota desaparecía tras ser tocada. É por iso que dende tempos remotos, moito máis remotos do que podades imaxinar, a humanidade tentou “salvar” e transmitir a súa música por diferentes formas de notación musical. Táboas cuneiformes sumerias e acadias conteñen nalgúns casos notación musical, e a máis antiga, e practicamente completa, peza musical foi recuperada dunha táboa cuneiforme, a chamada “Canción Hurrita”, un himno relixioso adicado ó deus Nikkal.

Pero a que vos traio hoxe é un pouco máis recente. O epitafio de Seikilos é a primeira composición, no mundo occidental (sempre esquecémola nosa xeografía), que ten sido preservada completa, tanto os versos da canción coma as notas. Foi atopada en Aidin (Turquía), a a pesares dos desacordos nas datas sóese considerar que foi composta en torno o século I a.E.C.(Grout and Palisca 1990). A inscrición mesma é unha lápida, e inclúe unha canción coa anotación musical, composta en tono Iasto (Solomon 1986) ou Frixio (Winnington-Ingram 1925). Desafortunadamente o noso coñecemento do sistema métrico grego é bastante escaso, dado o estado fragmentado do rexistro e o seu carácter teórico. Inda así, o traballo en papiros sempre leva a descuberta de novos fragmentos que incrementan o noso coñecemento e repertorio (Johnson 2000). O primeiro a considerar son os versos da canción, breves pero moi fermosos:

Ὅσov ζῇς φαίνου

μηδὲν ὃλως σ λυποῦ·

πρὸς ὀλίγov στὶ τὸ ζῆν,

τὸ τέλoς ὁ χρόνoς ἀπαιτεῖ.

Mentres vivas, escintila

non teñas penas

a vida existe por un breve momento

e o tempo esixe un final.

Hai certo debate entre os epigrafistas sobre se a dedicación léese como “Seikilos a Euterpe” ou “Seikilos fillo de Euterpe”. Sen embargo existe outra liña que le que Seikilos ergueu o monumento, así que me inclino a pensar que a canción é unha dedicatoria de Seikilos ó seu amor Euterpe. Ou non, pero xa que isto é unha bitácora e non un artigo científico podo decidirme pola opción máis romántica. Como Grout e Palisca (1990) escribiron, a canción semella non ser triste ou alegre, senón algo intermedio, moi adecuado pro gusto do ethos grego. Eu a interpreto coma unha mensaxe optimista pra desfrutala vida.

Finalmente, temo que non puiden resistila tentación de intentar tocala melodía no meu tin whistle. Coma escribín máis arriba, non teño moito coñecemento musical, así que pido escusas ós meus amigos músicos. Creo que a transcrición está correcta, pero por favor facédeme saber se hai algún tipo de erro ou forma de mellorala dalgunha maneira.

Seikilos
Como tocar o epitafio de Seikilos no tin whistle.

Agardo que a pesares das limitacións desfrutarades da lectura. Este é un tema fascinante que desafortunadamente non se trata moito dende a arqueoloxía. A música era un elemento central das sociedades do pasado coma o é das presentes. Dende a relixión ás festas, toda forma de expresión cultural ía acompañada de música. Incluso o adestramento militar estaba asociado a “actuacións musicais de algún tipo. Para Pitágoras a música transcendía o medio natura para ser a forza oculta (coma expresión matemática) da organización do kosmos, mentres que a representacións teatrais ían sempre acompañadas de instrumentos musicais e coros. A pesares de todo isto, sempre esquezo cando leo Sófocles que estou a esquecela banda sonora orixinal…

Desfrutade a mellor versión que atopei, cunha pronunciación adecuada en grego antigo:

Bibliografía:

Grout, Donal J. and Claude V. Palisca. 1990. Historia de la Música Occidental, Vol. 1. Madrid: Alianza Música.

Johnson, William A. 2000. Musical Evenings in the Early Empire: New Evidence from a Greek Papyrus with Musical Notation. The Journal of Hellenic Studies, Vol. 120: 57-85.

Solomon, Jon. 1986. The Seikilos Inscription: A Theoretical Analysis. The American Journal of Philology, Vol. 107, No. 4: 455-479.

Winnington-Ingram, Reginald P. 1929. Ancient Greek Music: A Survey. Music & Letters Vol. 10 (4).

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s