En Busca de la Edad de Oro

Hoxe rematei o libro En Busca de la Edad de Oro, de Javier Sierra. Era todo o que podía agardar del: unha concatenación de fabulacións pseudocientíficas que, por paradoxal que pareza, non son consistentes nin en si mesmas. Todo completado coa correspondente serie de ataques á arqueoloxía oficial que rexeita o bo facer dos “independentes” e negan categoricamente as verdades descubertas por estes herdeiros intelectuais dos poderosos atlantes que unha vez tiveron a misión de civilizar os primitivos habitantes da terra. Supoño que agora autores coma Sierra teñen a misión de civilizarnos a nós.

sierra-1

Coma xa sinalei nunha entrada previa, o libro pertence o grupo do que denomino “core culture”ou cultura nai, que xa pola páxina 171 o autor non esconde que é a Atlántida. Os “casos de estudo” que se atopan neste libro pódense clasificar en dous grandes grupos: “carallada estándar”, aquelas teorías da conspiración que aparecen sempre que tratas temas así, e “caralladas orixinais” aquelas que nunca tiña atopado antes. Son tantas e tan variadas que a verdade non dou pra comentar todas, así que decidín elixir unha que ilustra moi ben a talla intelectual e investigadora do autor. Antes de que algún “amante del misterio” me bote en cara que só elixo a que podo desmontar, invito a calquera que teña o estómago e 10€ a que se merque o libro, o lea con calma, e me pida que lle desmonte algunha outra, por suposto expoñendo primeiro as bases sólidas da teoría en cuestión.

O caso das bombillas exipcias ilustran moi ben a totalidade do libro e o que o lector pode esperar atoparse. Nunha visita á tumba de Pasmático en Sakkara, datada no século V a.C., o autor comeza a se preguntar como é posible que se decorasen tan detalladamente tres das salas do conxunto funerario se o corredor de entrada ten unha profundidade, estimada a ollo, de 25 m. A ausencia de rastros de fume e a imposibilidade, nunca xustificada por Sierra, de utilizar o reflexo de espellos deixa coma única conclusión lóxica o uso do que el define coma fachos sen fume. A resposta a este misterio a atopa o autor máis ó sur, en Dendera, onde guiado pola investigación de dous autores chamados Krassa e Habeck, descubre uns relevos que indican: “-oh herejía- unos relieves parecidos ¡a modernas bombillas eléctricas! (2015: 121). O propio autor admite que a ciencia oficial identifica o xeroglífo có determinativo itrt, cuxo significado é capela. Este deseño específico dataría do período Ptolemaico, unha evolución do mesmo signo en períodos anteriores. Sen embargo, en palabras do autor: “¿Eso era todo? ¿Un jeroglifo mal interpretado? Algo me decía que no. Y mi instinto no me falló.

Faltaría máis que lle fallara o instinto, sobre todo tras recrutar ó famoso investigador da cultura exipcia Nacho Ares, ben coñecido polas súas aparicións estelares en Cuarto Milenio nas que anima, xunto a Iker Jimenez, ós arqueólogos aficionados nos seus espolios do patrimonio arqueolóxico (disto vos falarei pronto). Con tales apoios a conclusión acontece por si soa: máis e máis bombillas aparecen noutros templos e noutros períodos. A única interpretación que ten sentido é que os sacerdotes exipcios posuían un coñecemento datado en tempos pretéritos e que lles permitía fabricar bombillas eléctricas…

sierra-2
As “bombillas exipcias” de Javier Sierra… (Sierra 2015: 127).

Por onde comezar. Primeiro, a capacidade investigadora do autor é, sendo xeneroso e educado, patética. Neste embrollo das bombillas data o templo de Dendera nos tempos de Ptolomeo IX, no século I d.C (Sierra 2015: 124-125). Eu non son nin moito menos un especialista en historia exipcia. Pero ata eu pódome decatar de que isto é unha tontería, non xa porque o reinado de Ptolomeo IX tivo lugar entre finais do século II e comezos do I a.C, senón porque Roma venceu a Cleopatra VII no ano 30 a.C., o que fai un pouco difícil ter un faraón en Exipto no século I d.C. Será que a data está polo calendario atlante. Este non é nin por asomo o único erro básico que fai o autor. Noutra parte do libro (2015: 165) sinala que certas tradicións pertencen a un Exipto predinástico hoxe esquecido. Sinalar a inmensa cantidade de material arqueolóxico que existe sobre o denominado Exipto predinástico parece mais una mofa que outra cousa, e senón que llo pregunten a xente coma Gunter Dreyer. Ata Dwayne “the Rock” Johnson presentou un documental, bastante bo por certo, sobre o caudillo do período protodinástico denominado Rei Escorpión.

Pero imaxinade por un momento que fose verdade. Que realmente sexan bombillas. ¿Non vos preguntades vos tamén que, se tal son, coma as acendían e alimentaban? Un erro moi común entre os investigadores de pseudociencia e, paradoxicamente, entre os malos arqueólogos (ou mellor dito, xente que ten unha titulación en arqueoloxía pero que non sabe exercer de tal) e a de tomar a parte polo todo. Así pois, incluso se aceptamos a existencia de bombillas no antigo Exipto, o que tocaría preguntarse despois coma arqueólogos é ¿onde están as bombillas? ¿E os cables, os materiais de construción? ¿Onde están as plantas eléctricas que creaban a enerxía necesaria para alimentalas? En poucas palabras ¿onde está toda a evidencia material que a arqueoloxía podería estudar? Ben que as veces o que chamamos procesos postdeposicionais, as condicións nas que os achados quedan soterrados, poden afectar a estes de tal forma que chegan a destruílos. Sen embargo Exipto resulta, precisamente, un dos mellores entornos pra preservación de materias. Así que ¿onde está ese vidro e ese cobre? ¿Esa planta enerxética?

Obviamente todo isto das bombillas é unha estupidez. O único que necesitas é sal. As lámpadas na antigüidade funcionaban moitas veces, pero non sempre, con aceites de diferentes tipos. Algúns deles, coma o de oliva, é especialmenteproblemático porque queima cun fume moi negro. Pra compensar isto, engadíase ó aceite un pouco de sal, e a mistura resultante ardía sen causar esa fumarola negra. Precisamente Exipto, durante toda a antigüidade, exportou un tipo de sal, o famoso natrón utilizado tamén pra desecar momias, pra ser usado en lámpadas, coma Lane-Fox por exemplo sinala na súa obra. Inda que da tecnoloxía de espellos son menos entendido permitídeme recordarvos tamén que o autor a descarta porque 25 metros son moitos pra un espello. E xa está.

Un comentario común durante todo o libro é o de chamar “herejes” ós investigadores. Termo utilizado con connotacións positivas, coma iluminados enfrontados a un escurantismo opresor que somos nos, os arqueólogos profesionais. Somos nos os que parece que chamamos herexes a esta xente, e desprezamos as súas investigacións a pesares de que contan, sempre asegún o autor, có esmagador peso das evidencias e do sentido común. Este termo herexe pode parecer inocente, incuso épico, utilizado pra dar certo cariz pseudomartiriolóxico a estes investigadores oprimidos e represaliados. Pero de inocente non ten nada. Porque se eles son os herexes nos somos entón o Santo Oficio da Inquisición, e por aí non paso.

Unha ultima conclusión derivada da lectura deste libro é que Javier Sierra non foi exposto a unha ferramenta epistemiolóxica que lle resultaría esencial pra poder testar a validez das súas hipóteses (as teorías convertese en tales despois de ser testadas, pero isto nunca o dan entendido). Esta ferramenta non é nin máis nin menos que o importante axioma E se a miña avoa tivera rodas sería unha bicicleta. Pois máis sentido ten que a miña avoa sexa en realidade un transformer a que os exipcios traballaran nas tumbas con bombillas eléctricas.

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s