Benvidos a Archaeostuff!

         Fai moito tempo que tiña ganas de comezar unha bitácora pero ata hoxe, por cousas que non veñen ó caso, non me vin impelido a elo. Tamén creo que comezar un proxecto coma este en medio dunha tese de doutoramento pódese considerar, sen ningunha dúbida, unha das maiores estupideces que se che poden ocorrer. Pero alá imos.

vistatemloapolo
Templo de Apolo en Corinto, tamén coñecido coma “vista dende a oficina”.

Benvidos todos e todas a archaeostuff, que xunto co twitter arqueomoviditas pretende sela miña plataforma de difusión da arqueoloxía pra un público o máis amplo posible. Nesta bitácora poderedes atopar resumos de libros sobre historia e arqueoloxía, novas dos meus traballos e doutros autores ós que me gusta seguir, clases sobre SIX e ceramoloxía que poderedes descargar e poñer en práctica no voso traballo e, finalmente, unha sección adicada a reflexionar sobre o rol da arqueoloxía na sociedade. Inda que o meu campo de traballo actual é a antiga Grecia, tentarei de falar tamén sobre outras áreas de estudo, así como os meirandes eventos e discusións na antropoloxía e a arqueoloxía actual.

          Unha das decisións a que máis voltas lle di foi a de que lingua utilizar. Falar de difusión no mundo académico no momento presente vai intensamente ligado á lingua inglesa, e tras moitos anos de vagar polo mundo adiante fixen bos amigos na profesión que tamén me gustaría participasen nos debates que espero eiquí se produzan. Por outro lado, levo moito tempo preocupado polo estado da lingua galega e o seu lugar no mundo académico. No pasado puiden facer moita e boa investigación en galego, polo que non atopaba razón para non seguir usándoa nesta bitácora. Dado que o meu traballo me impide traducir cada entrada ás dúas linguas, finalmente decidinme por aplicar o mesmo criterio que fai xa un tempo utilizaba pra publicación de artigos científicos: a lingua que a determine a audiencia. Así que con excepción das entradas máis importantes a lingua será seleccionada en base ó contido e o que creo será o público maioritario de cada entrada. Se alguén necesita un dos artigos na outra lingua pódeme contactar que estarei encantado de traducilo.

¡Imos aló!

4 thoughts on “Benvidos a Archaeostuff!”

  1. Noraboa pola iniciativa, Emilio! Seguro que é moito e de moita calidade o que podemos aprender contigo a través deste recuncho.
    Noraboa tamén pola defensa do galego como unha lingua absolutamente válida para a investigación e o mundo académico. Precisamos de xente coma ti!

    Así que, reitéroche os meus parabéns e sígoche a pista pola rede.

    Unha aperta!

    Liked by 2 people

    1. Moitas grazas! Xa sabes que teño moitas linguas na cabeza, pero sempre vin iso coma unha vantaxe e non un inconveniente. Podese facer moito e en moitos idiomas. O que hai que ter é vontade.

      Like

Leave a comment